3 rostros para o Novo Cinema Galego

ANDREA BOUZA VEIGA

O Novo Cinema Galego ou como Galiza se libera do dogma cinematográfico industrial

Na última década, a renovación cinematográfica galega adquiriu unha presenza e un recoñecemento a nivel internacional sen precedentes na nosa cultura da man dun produto innovador, experimental e libre

Unha nova xeración de artistas marca o camiño do cinema galego. As heteroxéneas liñas estilísticas da súa produción conflúen nunhas similitudes de carácter circunstancial. A ruptura cos modelos industriais, a auto produción, a presenza administrativa, a democratización dixital, a experimentación, o risco e a liberdade creativa constitúen as bases dun produto innovador que dignificou a cultura cinematográfica galega converténdoa nun referente en todo o mundo. Hoxe analizamos de preto tres dos rostros máis significativos do Novo Cinema Galego: Alberte Pagán, Xurxo Chirro e Lois Patiño.

Tal e como Manolo González afirma [1], tres momentos clave marcan a traxectoria do audiovisual galego nas últimas décadas: “o do vídeo dos noventa, momento brillante e que funcionaba moi ben a nivel internacional”, cuxos profesionais foron “fagocitados pola Televisión de Galicia ou pola publicidade”; unha segunda xeración que procede da Escola de Imaxe e Son “que tamén era moi brillante, que facía cousas prometedoras e que acabaron convertidos en artesáns da industria” e unha terceira xeración actual, “a do Novo Cinema Galego”.

Non existe unha data de referencia nin unhas causas determinantes á hora de definir o renacer do audiovisual en Galiza, tal e como ocorre coa ampla maioría de movementos artísticos ou culturais ao longo da nosa historia. Tampouco existe unha liña estilística nin unha temática común que nos permita identificar as obras que o constitúen baixo unha mesma etiqueta. Porén, existe. Os críticos José Manuel Sande, Martín Pawley e Xurxo Chirro déronlle nome: o Novo Cinema Galego.

Os seus albores son incertos. As axudas administrativas aprobadas dende o ano 2006, tal e como apunta Chirro, serviron de arranque a unha década na que a creación cinematográfica galega se desenvolveu como nunca antes o fixera. Alberte Pagán, Lois Patiño, Eloy Enciso, Óliver Laxe ou o mesmo Chirro son algúns dos responsables deste espertar cultural.

“Se tiveramos que empregar un termo para definir o Novo Cinema Galego,  o máis adecuado sería o termo apertura. Apertura en tódolos sentidos: estética, técnica, ideolóxica.”

Trátase dun cinema de experimentación no que o autor se desliga do dogma creacional da industria para comunicar libre, sen medida nin atadura. Alberte Pagán defíneo así: “A tendencia cara a experimentación preséntase como a única saída viable para poder realizar traballos máis honestos e persoais. O resto do que se fai basease en imitar modelos preexistentes” [2]

Neste Novo Cinema Galego, as taxonomías xenéricas convencionais perden o seu sentido: o documental e a ficción  xogan, coquetean e relaciónanse creando produtos mestizos de natureza híbrida. Imaxes procedentes de realidades antigas que adquiren novos significados co tempo, como ocorre con Bs. As. de Alberte Pagán e Vikingland de Xurxo Chirro ou da tradición galega máis nosa que alcanza de súpeto matices nativos da estética do sublime en Costa da Morte, de Lois Patiño.

As súas heteroxéneas liñas creativas dificultan unificar baixo un mesmo nome tódalas obras e tódolos cineastas que participan nesta panorámica. Mais algo si que teñen en común, tal e como sostén o autor de Vikingland: “cinefilia, equipos pequenos, democratización tecnolóxica, autoxestión, risco, experimentación, improvisación, metalinguaxe, panteísmo, ironía, humor…” E, por suposto, a amplísima repercusión e recoñecemento a nivel internacional que consagrou o audiovisual galego como un referente en festivais de prestixio de todo o mundo. Porén, Chirro propón que observemos este movemento dende unha perspectiva marxista, onde “grazas a unha política audiovisual dispuxéronse recursos económicos para a produción de filmes”.

As axudas procedentes de organismos dependentes da Consellería da Cultura da Xunta de Galiza, como a desaparecida Axencia Audiovisual Galega ou AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) promoveron esta nova concepción de cinema financiando proxectos a novos creadores e a novas miradas. Esta política feita entre os anos 2006 e 2009 incentivou a innovación creativa, permitindo que as axudas recaesen “sobre persoas físicas e non en produtoras tal e como acontece na actualidade”, tal e como afirma Chirro, que traballou na administración dende o ano 2006 ao 2012. Porén, nos últimos anos, estas axudas víronse fortemente reducidas, chegando a desaparecer no ano 2012.

Así mesmo, asinte: “durante o bipartito fixéranse moitos esforzos e os froitos desas políticas culturais sempre tardan en chegar.  Máis o novo goberno non fixo nada por potenciar o que había. Dende o 2009 ao 2011 houbo certo continuísmo e dende o 2012 ata o 2015 o derrubamento foi completo”. O motivo: “por descoñecemento e falta de sensibilidade”.

Fotograma de

Fotograma de “Todos vós sodes capitáns”, filme de Óliver Laxe

A falta de confianza radica, quizais, na falta de recoñecemento dentro das nosas fronteiras, aínda que existen excepcións. Unha das circunstancias que configuran o seu ADN é o amplísimo recoñecemento internacional que recibiron algunhas das súas películas. Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, foi financiado con 30000 € pola Axencia Audiovisual Galega e recibiu o premio FIPRESCI de Cannes, no ano 2010. Outro exemplo é Costa da Morte, apoiada con 20000 € por AGADIC e que outorgou a Lois Patiño o premio ao mellor cineasta emerxente do Festival de Locarno, no ano 2014.

Estamos a falar de semellanzas máis circunstanciais que estilísticas. O Novo Cinema Galego nace e crece nun contexto condicionado pola dixitalización e a democratización tecnolóxica, que permite a independencia das produtoras e pola auto produción, amparada por subvencións e axudas públicas, fundamentais para a súa resistencia e desenvolvemento. “Sobrevívese se non dis non a nada. Presentándome a tódolos premios, axudas e becas podo vivir dende fai uns anos disto”, confesa Lois Patiño.

Sen dúbida, está conformado por superviventes. Novos produtos, novas linguaxes que espertan públicos adormecidos por estereotipos baleiros de carácter industrial. Novas miradas que se moven pola necesidade de explorar territorios ocultos, de crear, independentemente dos obstáculos. Segundo Óliver Laxe “quen sinta a necesidade de facer filmes pode facelos. (…) Non hai escusas para non facer películas, de ningún tipo”. [3]

Alberte Pagán: “O Novo Cinema Galego non é un cinema que se faga como inversión económica nin que aspire a un público que pague unha entrada por velo”

O seu é un cinema experimental de profunda carga social que responde a “necesidades persoais, non comerciais”

Hai case unha década, Alberte Pagán sentíase só. Galiza atravesaba unha situación de baleiro cinematográfico á que só nos podemos referir coas mesmas palabras que o cineasta: desolación.

Nesas circunstancias, nace Bs. As., documental experimental do ano 2006 que inicia unha prolífica traxectoria de renovación audiovisual en Galiza. Este filme “non ten máis que non teñan outros traballos”. Segundo el mesmo afirma, trátase de azar: “tocoulle polo momento no que se fixo. Non a considero nin mellor nin peor que outras cousas que fixen despois. Daquela si porque non había nada máis.”

Presentada no Festival de Cine de Xixón, foi a gañadora da segunda edición do premio de cine ensaio Roman Gubern da Universidade Autónoma de Barcelona “sen tan sequera presentala nin ao festival, nin ao premio”

albertepagan

Alberte Pagán, CC_Culturgal

Pagán tomou as imaxes no ano 1997 nunha viaxe a Buenos Aires coa que obsequiou a súa nai. Case dez anos de maduración deron lugar a un produto no que Pagán entrelaza as bases experimentais que definen o actual Novo Cinema Galego cunha necesidade da que non pode fuxir: a política, a social, a humana. Deste modo, crea un díptico no que tenta retratar a emigración dende dúas perspectivas: a galega, a través da narración da súa nai, e a americana, mediante a correspondencia coa súa prima Celia, cuxa voz se plasma dun xeito artificioso e inhumano para restarlle emotividade.

Os planos fixos, estáticos, que se nutren das influencias do cinema máis experimental xogan con significados que evocan historias humanas de Arxentina: os centros de tortura como o ESMA ou a Praza de Maio. Un intento de conxugar o cinema conceptual e político. “Digamos que me gusta moito o cinema máis estruturalista, materialista. Pero cando fago algo, a realidade social e política chámame e teño que meter algo aí”, asinte.

Fotograma Bs. As.

Fotograma Bs. As.

A súa faceta máis política materializase nunha ampla obra na que resaltan materiais de forte carga social, como Tanyaradzwa, do ano 2008, filme no que plasma durante seis horas proxectadas de forma simultánea en dúas pantallas as circunstancias que rodean a vida dunha muller en Zimbabue. Tres anos máis tarde, no 2011, Pagán saca á luz Outrasvozes, que retrata paramilitares procedentes do Sáhara, Palestina ou Colombia e A quen se lle conte, sobre a negra realidade do naufraxio do Prestige na Barbanza.

Esta liña articulase de xeito paralelo a unha mirada máis pura, que se manifesta  na primeira obra de ficción do cineasta, A Pedra do lobo, longametraxe do ano 2010. Nela, Pagán condensa influencias procedentes do cinema máis experimental de Kiss ou Sleep de Andy Warhol [4] ou de Ingmar Bergman, ao que fai referencia co nome da película. Imaxes estáticas, herméticas que contrastan coa violenta liberdade que o cineasta lle outorga á música mediante a improvisación de Luís Alberto Legido e Urro, trío pontevedrés de de saxo, guitarra e batería, que xa colaborara co cineasta en Eclipe Metanoico.

A pedra do lobo foi o primeiro filme de Pagán financiado por AGADIC. Foron 18000 € de axuda que, segundo o cineasta, “poden ter trampa”. As Axudas de Talento, únicas a nivel estatal, acarrexan riscos, xa que incitan á adaptación a modelos preexistentes industriais: “dende o momento en que precisas diñeiro para facer unha película e pides unha axuda, estás favorecendo este tipo de cinema que se fai con diñeiro e que aspira ou imita modelos industriais”.

É esa liberdade creativa e produtiva a que define a esencia deste cinema no que o éxito non está arraigado á calidade. Aínda que o recoñecemento internacional en festivais sexa unha característica que forma parte da súa natureza, a súa difusión segue sendo escasa: “Todos vós sodes capitáns de Óliver Laxe foi unha película premiada en Cannes e moi valorada pero intentou unha andadura comercial que, segundo os meus datos, foi un fracaso”.

E é que Alberte Pagán non considera o cinema unha forma de gañarse a vida, senón un modo de vida. Profesor de secundaria e cineasta de vocación, considera que o Novo Cinema Galego “non é un cinema que se faga como inversión económica nin que aspire a un público que pague unha entrada por velo.”

A día de hoxe, novas vías de distribución como “a rede ou os cineclubes” permiten o acceso a produtos aos que fai anos “era impensable acceder” e normalizan, pouco a pouco, esta nova tendencia dentro das audiencias.  A obra do cineasta é, dende logo, un bo exemplo da democratización cinematográfica grazas a Internet. Na súa páxina web podemos acceder á súa filmografía íntegra de forma totalmente gratuíta, xa que o seu fin é o de satisfacer “necesidades persoais, non comerciais”.

A pesares de que na actualidade os públicos están máis preparados e interesados nas vangardas, é unha realidade que este tipo de cinema é minoritario. O motivo está arraigado á súa propia natureza, caracterizada polo factor temporal, que esixe máis esforzo do espectador que outras manifestacións artísticas. “Cousas que na pintura se admiten dende sempre, como a abstracción, no cinema é aínda difícil de aceptar porque existe o elemento temporal. Nunha película tes que estar sentado 10, 30 ou 60 minutos”, sostén. Aínda que neste sentido,, “sexa o parrulo feo das artes”, Pagán sorrí cando afirma que “cada vez hai máis público que coñece, valora e desfruta” este tipo de cinema.

(Película urgente por Palestina, curto de Alberte Pagán)

Valora “exemplos a seguir” como as salas compostelás Númax, que abriron as portas o recente 18 de marzo e que devolven á cidade a vitalidade cinematográfica perdida dende o peche no ano 2013 dos cines Valle Inclán. “En vez de inverter os cartos en cidades da cultura que se quedan baleiras, tería que ser a administración a que tivera que apoiar ou crear este tipo de espazos de difusión”, reivindica. Tamén propón que as televisións públicas, como a TVG o proxecten.

Moitos, como Xurxo Chirro, falan del como “a orixe do Novo Cinema Galego”; porén, a el non lle gustan as etiquetas. Aos seus 50 anos, Alberte Pagán sostén unha heteroxénea e ampla obra na que a carga social e reivindicativa ocupa un papel fundamental. Os seus filmes conxugan un carácter conceptual e político ofrecendo ao público un produto persoal, libre, que non se acomoda ao mercado e que unicamente responde á súa vocación.

Xurxo Chirro: “Gústame pensar que a miña presenza na administración foi determinante na emerxencia do Novo Cinema Galego”

O autor de Vikingland protesta contra o “descoñecemento e a falta de sensibilidade” da administración pública

Foi no ano 2010 cando Xurxo González Rodríguez se desdobrou en Xurxo Chirro, un tipo con maior madurez creativa e con un apelido orixinal. Explorou os campos da administración, da crítica, da programación, da xestión e da investigación. Estamos falando dun home ao que non se lle escapa ningunha fronte do panorama cinematográfico e cultural de Galiza.

A ampla experiencia no ámbito da cultura materializouse co seu primeiro intento como cineasta, Argazo, no ano 2005. Este foi un “alumear complicado”, segundo o cineasta conta. Tratábase dun documental etnográfico sobre as mulleres que recollen algas concibido para ser presentado no taller de Avid do Festival Play-Doc. Porén, non puido darlle ás por non gravalo co formato adecuado. Aínda así, a pesares de ser seleccionado e excluído por este motivo, rematouno co seu propio ordenador e desa vontade profesional creou un produto ao que lle garda especial estima.

Ésta foi a semente que fixo medrar unha ampla carreira no cinema experimental documental que foi adquirindo ano tras ano un maior recoñecemento, chegando ao seu cumio con Vikingland, filme do ano 2011. Unha nova mirada que se fixa nun material que quizais pasase desapercibido ante uns ollos pouco ávidos.

XURXO22

Xurxo Chirro. Fotografía de http://www.xurxochirro.com

Foi o mariñeiro Luís Lomba, “O Haia”,  o creador dunhas imaxes que configuraron esta longametraxe documental que percorreu Europa e América Latina entre o ano 2011 e 2012. Foi o FIDMarsella en Francia, o festival que abriu as portas a unha marea de recoñecementos e exhibicións nos grandes festivais do panorama internacional como Jhilaba na República Checa, Bradford en Reino Unido, Mar de Plata en Arxentina ou Ficunam en México. Todo isto débese a que o sistema cinematográfico  puxo a súa ollada no filme ou senón “comeríama con patacas”, afirma Chirro.

O material gravado por “O Haia” radiografía a súa labor no mar entre outubro de 1993 e marzo de 1994. El mesmo montou catro cintas VHS de 15 horas en total e regalounas aos seus compañeiros de traballo, entre os cales se atopaba o pai do autor do filme, que as gardou ata o 2007, ano no que Xurxo Chirro se dispuxo a pasar todo o material de vídeo que había na súa casa ao DVD. Foi nese intre, cando os xogos do azar mesturados coa nova ollada creativa do director converteron esas cintas nunha obra que marcaría a súa traxectoria profesional.

El mesmo recoñece que estivo a punto de “tiralas fóra” mais a súa curiosidade de crítico de cine foi o que o paralizou. “Se vise ese material en 1995, posiblemente non lle prestara atención. Pero, a causa dese proceso de maduración do que falaba antes, tiven a mirada idónea para entrever as posibilidades desas imaxes”.

(Tráiler de Vikingland, de Xurxo Chirro)

Este traballo é, tal e como el mesmo recoñece, froito do seu egoísmo; algo feito por el e para el. Porén, o éxito do filme motivou ao autor a retomar as imaxes descartadas e a devolverlles o seu sentido íntimo orixinal con Lupita, filme do ano 2012.

Xurxo Chirro, desenvolveu ao longo da última década unha nova perspectiva que o converteu nun nome clave do Novo Cinema Galego, movemento que el cataloga como un dos acontecementos “máis importantes da cultura en Galiza nas últimas décadas” e  do que el se considera, en parte, responsable: “gústame pensar que a miña presenza na administración (2006-2012) foi determinante na emerxencia do Novo Cinema Galego”.

A inmensidade do mar e do ceo de A Guarda, o seu pobo natal, marca unha liña creativa que afonda en realidades complexas a partires de cousas pequenas e eternas que, a ollos de alguén que non saiba observar, pasan desapercibidas. Él fala das cousas que coñece porque lle dan “unha plusvalía nas imaxes e nos proxectos” e materialízaas en filmes como Os señores do vento. No ano 2009, nace a mediometraxe experimental 36/75, un proxecto máis ambicioso, que se nutre da propia historia do pobo. Mediante planos fixos, Chirro, fai recordar ao espectador unha memoria histórica adormecida polo tempo; fai escoitar voces antigas dos vencidos na Guerra Civil Española. Porén, son moitos os que non queren recordar: a cinta, aínda que está en Internet, nunca tivo unha proxección en comunidade en A Guarda, sendo este un “dos momentos máis tristes da miña filmografía”.

A audiencia non quere ver o que Chirro quere transmitir ou iso parece se xulgamos o filme 13 pozas do ano 2010. Nado como unha homenaxe a 13 Lakes de James Benning, o filme foi interpretado do xeito inverso, sendo acusado de frivolizar a figura do cineasta estadounidense. E é que Xurxo Chirro busca horrorizar ou apaixonar, pero non pasar desapercibido.

Os seus dous últimos proxectos removen o concepto máis característico deste novo cinema: o estudo da paisaxe e os elementos que a constitúen en relación co home. Esta característica, segundo el, é innata a toda a creación artística feita dende Galiza, xa que “vivir nun territorio como o galego condiciona moito a mirada”.

Jean Luc Godard é a figura que inspira o último traballo de Chirro, Une histoire seule, longametraxe que se nutre da súa experiencia e da súa idea sobre as “incongruencias que sostén o sistema cinematográfico e todos os lastres e sinsentidos que empapan na actualidade o contexto de creación cinematográfica.”

(Tráiler de Une histoire seule, de Xurxo Chirro)

O recoñecemento internacional acadado por Xurxo Chirro choca quizais coa súa repercusión dentro das nosas fronteiras. Vikingland, por exemplo, tivo unha forte presenza no extranxeiro previa á que tivo en España, proba de que os “axentes cinematográficos locais son incapaces de ter autonomía”, tal e como sostén o cineasta. Ninguén é profeta na súa propia terra, pero quizais debamos considerar desesperanzadora a falta de difusión e recoñecemento que o Novo Cinema Galego sofre no contexto nacional. Porén, este feito incluso chegou a ser beneficioso para este filme, xa que aínda a día de hoxe “séguese pedindo en filmotecas e festivais, mais cantos filmes quedan na cuneta porque non alcanzan un empurrón desde as plataformas locais?”

E é que o cine independente en Galiza non tivo nin ten un camiño sinxelo.  As Axudas de Talento de AGADIC, a única forma de financiamento exceptuando a convocatorias de fundacións ou concursos minoritarios, víronse fortemente reducidas nos últimos anos, chegando incluso a desaparecer no 2012.  Ademais, o problema das subvencións solápase con que as produtoras non están interesadas neste tipo de contidos, “interésanse máis na produción, posibilidades de coproducións, mercados, fondos, sensibilidade das audiencias…”.

Segundo el lembra á saída dun filme do Novo Cinema Galego, un responsable da política audiovisual da Xunta de Galiza comentoulle que “estes filmes eran fraudes feitos para amigos”. Ante isto, Chirro recomendoulle que lese e que vise máis cinema, mais insistiu na apreciación. Finalmente, contestoulle “fraude son os filmes comerciais que reciben axudas de 300000 € para que permanezan nos cines menos de dúas semanas, mentres que estes filmes percorren o mundo cunha axuda de 12000, dignificando a cultura galega”.

Lois Patiño: “O cine non ten porque ser comprensible de primeiras. Ten que removerte, é un proceso de habituación, de educación da mirada”

Costa da Morte liga a Galiza máis tradicional cunha linguaxe experimental que se nutre da estética do sublime

É dificil aclarar se o Novo Cinema Galego fixo a Lois Patiño ou Lois Patiño fixo o Novo Cinema Galego. O que está claro é que o seu é un deses nomes que tes que recordar.

Os seus pais, Antón Patiño e Menchu Lamas, figuras destacables da pintura galega de renovación dos anos 80, fixeron crecer ao cineasta nun entorno no que a arte era unha forma de vida. Durante a súa xuventude, compaxinou os estudos de psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de cine. Aínda que non ten boa memoria, Lois Patiño nunca quixo ser psicólogo e, ao principio, tampouco tiña conciencia de que quería adicarse ao cine. Porén, pronto atopou na linguaxe cinematográfica o seu medio de expresión, sempre ligado ao vídeo arte e á vídeo instalación: “o cine mantén un pouco máis de relato e na arte contemporánea non é tan necesario. As fronteiras entre ambos mundos son moi permeables”.

O seu foi un proceso de aprendizaxe gradual. Con 17 ou 18 anos cría que Michael Snow lle estaba tomando o pelo e a día de hoxe, con 33,  absorbe os planos de Satantango de Bela Tarr antes de ir durmir. A estética do sublime marca a liña dunha obra sólida que pretende delimitar conceptos inabarcables para a mente humana como a distancia, a paisaxe ou o tempo e trata de achegarse a eles: “trato de penetrar nese bosque do inconcibible”, afirma.

Pardi di domani Jury, Lois Patiño

Lois Patiño. Fotografía de Sailas Vanetti

Recorda a insignificancia da calidade humana mediante a súa integración nunha natureza infinita, eterna, salvaxe e misteriosa onde atopa o que el denomina poesía, “chámoo poesía porque non é beleza unicamente. Un dos perigos de Costa da Morte, por exemplo, era a de caer no belo”. Achégate quizais a un Romanticismo renovado.

A súa obra, que creceu e madurou cos anos, foi adquirindo unha linguaxe cada vez máis pura que afonda na imaxe dun xeito aterrador. Na vibración, documental experimental ou En el movimiento del paisaje, unha vídeo creación, ambos do ano 2012, dan boa conta disto.

Porén, foi Montaña en Sombra a que reclamou unha maior atención do panorama cinematográfico. Exhibicións internacionais que se prolongaron dende o ano 2012 ata o ano 2014 e que lle outorgaron importantes recoñecementos dentro e fora das nosas fronteiras como o Premio especial do Xurado no Clermond-Ferrand Film Festival ou o Premio ao mellor director galego de cine, no festival Curtocircuito.

A súa primeira longametraxe documental, Costa da Morte, foi o proxecto que máis fixo resoar o seu nome. Esta obra, do ano 2013, foi froito dunha íntima rodaxe que se prolongou durante catro meses na que el mesmo perseguía a poesía da imaxe ou se deixaba sorprender por ela a partes iguais, “ao final, houbo un 50% encontro total e o outro 50% buscado”. Exhibicións e premios nacionais e internacionais, como o de Mellor Director de Cine Emerxente do Festival de Cine de Locarno, converteron a Lois Patiño nun referente clave no Novo Cinema Galgo.

(Tráiler de Costa da Morte, de Lois Patiño)

Costa da Morte emprega unha linguaxe que pretende espertar a sensibilidade contemplativa de espectadores en certa medida domesticados por un cinema industrial que “entra polo ollo a modo de masaxe visual”. Tenta retratar a mirada máis tradicional da Costa da Morte dun xeito innovador, baseado en planos fixos, intensos, en xogos de distancia e son, que buscan remover ao público combinando a inmensidade da paisaxe coa experiencia persoal dos seus habitantes.

De xeito paralelo a Costa da Morte, nacen os seus dous últimos traballos La imagen arde, elaborado a partires de material da longametraxe anterior e Estratos de la imagen, que xorde da filmación de cascadas en Islandia con diferentes capas de cor. Nelas, crece o carácter experimental da linguaxe, faise máis maduro, sólido e comprometido coa mirada do espectador, ao que tenta sensibilizar, facer penetrar na imaxe.

Existe unha tendencia máis escura, máis espectral que afonda na psique humana e que Patiño materializa nas súas vídeo creacións ou vídeo instalacións: El cuerpo vacío ou La muerte trabajando reflexan conceptos “que non comprendo, nin chegarei nunca a entender”, como a morte.

Pantallas da vídeo instalación

Pantallas da vídeo instalación “La muerte trabajando”

Se algo pretende o cineasta coa súa obra e sobrepasar os límites da mente humana. Transmitir ao público o máis alá. “O cine non ten porque ser comprensible tampouco de primeiras. Ten que removerte, é un proceso de habituación, de educación da mirada”, tal e como afirma. O cine de Patiño, como ocorre coa maioría de creacións pertencentes a esta nova corrente cinematográfica, é un cine complexo para moitos. Un cine que o espectador non normaliza e ese é un dos principais problemas cos que se atopa o Novo Cinema Galego. O que se debe lograr é que “o espectador non vaia ao cine so para entreterse”. Require, así, esforzo por parte do espectador e tamén reclama a promoción deste tipo de creacións: “para poder ver algo, tes que saber que ese algo existe”.

A pesares do terreo inestable polo que camiñan estes novos cineastas en canto a financiamento ou recoñecemento dentro das nosas fronteiras, Patiño móstrase optimista: Se xeneralizamos non nos podemos queixar tanto. Dentro dos premios existentes, si que hai un interese. Nos catro festivais de referencia de cine en Galicia hai unha presenza palpable do Novo Cinema Galego.” O seu caso é diferente. Gañador do primeiro premio de Gas Natural Fenosa en España, Patiño encheu salas, tal e como afirma: “con Costa da Morte fixemos cinco cheos en Madrid e en Santiago outros tantos”. Porén, a renovación que está a vivir o cinema galego,“está desaproveitada a nivel Xunta de Galiza. “Visto dende esta perspectiva é ridículo como están ignorando este movemento historicamente sen precedentes no ámbito galego a nivel de repercusión internacional”, sostén.

Os intereses e as presións que exerce a industria cinematográfica restrinxe este tipo de apoios, facendo incluso que desaparezan: “é unha constante loita e é moi ridículo, xa que a porcentaxe que destinan é mínima e os resultados obtidos son máximos”. De feito, Costa da Morte, foi un proxecto financiado con 20000 euros por AGADIC no ano 2013 que cumpriu as máximas expectativas de difusión e recoñecemento.  Prima así a vocación, a vontade de crear un cinema onde “os honorarios e o tempo empregado son de balde”.

Os obstáculos deste tipo de cinema configuran un panorama incerto á hora de crear e producir. Lois Patiño consegue transmitir a mellor versión de si mesmo e das súas circunstancias. A súa maneira de traballar é práctica, gústalle recordar a Godard e aplicar a súa filosofía “se so tes un dólar, fai películas de un dólar”. El prefire esta forma de traballar “porque non me gusta frustrarme con proxectos que non salgan adiante de outra maneira e porque creo que o presuposto non inflúe en que unha película sexa boa ou sexa mala”.

A día de hoxe está traballando en cinco proxectos paralelos: unha performance audiovisual na que colabora con Ann Deveria para Filmadrid, unha curtametraxe sobre o contrabando na fronteira entre Portugal e Galiza, producida polo festival Vila do Conde, outro curto que codirixe co director arxentino Matías Piñeiro para o Festival de Cine de Dinamarca CPH/DOX, unha vídeo instalación en Marrocos e, por último, unha longametraxe producida por Zeitun Films, coa que tamén traballaron Eloy Enciso con Arraianos ou Óliver Laxe con Todos vós sodes capitáns. Demasiados frontes abertos? É que “cambiando, descanso”, recoñece mentres pensa no nome dun filósofo grego que non consegue recordar.

O Novo Cinema Galego non quere definirse a si mesmo. A súa propia natureza atenta contra as taxonomías e as catalogacións e so nos deixa empregar termos imprecisos para referirnos a el. Dificulta o plano académico, xa que non lle gusta poñer límites, nin á súa forma nin ao seu fondo.

Tres miradas superviventes da instaurada liña estilística comercial que a industria cinematográfica impón. Alberte Pagán, Xurxo Chirro ou Lois Patiño poñen rostro a tres liñas creativas que conflúen nunha renovación cultural sen precedentes en Galiza. Eles din que é sorte.

… … …

[1]GONZÁLEZ, Manolo (2014): “Tres momentos clave marcan a traxectoria do audiovisual galego” en Praza Pública, Santiago de Compostela. Dispoñible en internet (09/06/2015): http://praza.gal/cultura/6770/non-hai-politica-audiovisual-e-non-creo-que-sexa-unha-cuestion-ideoloxica-e-ignorancia-simplemente

[2] PAGÁN, Alberte (2008): “Ficar fóra da industria dáme unha independencia total como cineasta” en Vieiros, Santiago de Compostela. Disponible en internet (25/01/2012): http://www.vieiros.com/nova/70770/ficar-fora-da-industriadame-unha-independencia-total-como-cineasta en “El Novo Cinema Galego, propuesta d definición y clasificación”, Universidade de Vigo. Disponible en Internet (09/06/2015): http://www.revistacomunicacion.org/pdf/n10/mesa1/021.El_Novo_Cinema_Galego-Propuesta_de_definicion_y_clasificacion.pdf

[3] LAXE, Oliver (2008): “Non hai escusas para non facer filmes”, en Axencia Audiovisual Galega, Santiago de Compostela. Disponible en internet (15/12/2011):http://www.axenciaaudiovisualgalega.org/public/index.php?secc ion=oficinaproduccion/ficha_noticia.php&id_noticia=1997&id_fase= en “El Novo Cinema Galego, propuesta d definición y clasificación”, Universidade de Vigo. Disponible en Internet (09/06/2015): http://www.revistacomunicacion.org/pdf/n10/mesa1/021.El_Novo_Cinema_Galego-Propuesta_de_definicion_y_clasificacion.pdf

Advertisements

3 thoughts on “3 rostros para o Novo Cinema Galego

  1. Pingback: OS FESTIVIAS GALEGOS COMO ALTERNATIVA AO BALEIRO CINEMATOGRÁFICO DE CALDIADE | CINEMAGACINE

  2. Paréceme moi interesante esta reportaxe, xa que abre moitas ventás a quen, coma min, descoñecía estes directores. Teño que dicir que dos filmes que se citan, só vin algunha curtametraxe de Lois Patiño, e parécenme totalmente rompedores, mesmo me retrotraen ao afán innovador da Nouvelle Vague e ao cine experimental de Warhol.

    Nas próximas semanas espero ver algunha película máis, sobre todo as de Pagán, o cal me parece moi interesante.

    Liked by 1 person

  3. Paréceme verdadeiramente interesante que se aborde o tema do Novo Cinema Galego nunha reportaxe coma esta, xa que polo xeral parece ser algo invisible nos medios. A presenza de traballos que potencien e sirvan a modo de escaparate para publicitar o cinema propio son más necesarios ca nunca,sobre todo tendo en conta o recoñecidos que son este tipo de filmes noutros países, como ben di a autora. A seguir promocionando o noso!

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s